h1

Esta nova unidade está atendida por un equipo multidisciplinar de cardiólogos, psicólogos clínicos, especialistas en rehabilitación, fisioterapeutas e persoal de enfermaría

Arredor de 250 pacientes serán susceptibles de seren atendidos cada ano nesta unidade de rehabilitación

Nela levaranse a cabo programas personalizados destinados reducir os efectos fisiolóxicos e psicolóxicos da enfermidade cardíaca, así como disminuir o risco de morte súbita ou reinfarto

Dita unidade foi creada con recursos propios do Servizo de Cardioloxía e grazas á colaboración dos Servizos de Rehabilitación e Psiquiatría

 
O Hospital Universitario Lucus Augusti vén de poñer en marcha a primeira Unidade de Rehabilitación Cardíaca de Galicia. Dita unidade ten como finalidade principal reducir os efectos fisiolóxicos e psicolóxicos da enfermidade cardíaca, así como disminuir o risco de morte súbita ou reinfarto entre os pacientes que sufriron unha patoloxía cardiovascular.
 
Ao longo do ano, arredor de 250 pacientes poderán beneficiarse da posta en marcha deste pioneiro programa de rehabilitación cardíaca.
 
A Unidade de Rehabilitación Cardíaca do Hospital Universitario Lucus Augusti púxose en marcha coa estreita colaboración dos Servizos de Rehabilitación e Psiquiatría do HULA, necesarios para o seu funcionamento. Está adscrita ao Servizo de Cardioloxía deste centro hospitalario, que a creou con recursos propios.
 
Trátase dunha unidade multidisciplinar, que estará atendida por cardiólogos, psicólogos clínicos, especialistas en rehabilitación, fisioterapeutas e persoal de enfermaría, que de xeito conxunto deseñarán programas de rehabilitación cardíaca personalizados para cada paciente, de forma que se aumente a súa motivación e lograr así un sostemento no tempo dos hábitos de vida saudables tan necesarios para evitar recaídas ou novos riscos de enfermidade cardíaca.
As enfermidades cardiovasculares son unha causa moi importante de mortalidade e morbilidade.
 
De feito, supoñen arredor do 30% de todas as causas de morte, e 1 de cada 10 motivos de discapacidade a nivel mundial.
 
Aínda que nos últimos anos os avances nos tratamentos médicos, o intervencionismo coronario e a cirurxía de revascularización melloraron os resultados e reduciron as taxas de mortalidade por enfermidades cardiovasculares, o certo é que a reducción dos factores de risco (cambios no estilo de vida, principalmente) segue a ser unha das estratexias máis importantes para reducir ditas taxas.
 
Estímase que máis da metade da reducción da mortalidade por enfermidade coronaria está relacionada coa reducción destes factores de risco, e só o 40% da reducción é atribuible ao tratamento.
 
Os cambios na conduta poden ter, polo tanto, unha importancia semellante ao tratamento farmacolóxico preventivo na diminución recaídas. Sen embargo, a pesar disto, máis do 50% dos enfermos abandonan o tratamento prescrito e os obxectivos propostos de mellorar os seus hábitos (dieta, exercicio, abandono do hábito tabáquico).
Co obxectivo de diminuir riscos e mellorar a adhesión dos pacientes aos tratamentos e hábitos de vida saudables o Hospital Universitario Lucus Augusti puxo en marcha estes días a primeira Unidade de Rehabilitación Cardíaca de Galicia, unha nova estratexia terapéutica que beneficiará a arredor de 250 pacientes ao ano.
 
Atención integral
 
A Unidade de Rehabilitación Cardíaca do HULA deseñará programas de rehabilitación personalizados para cada paciente coa participación de cardiólogos, psicólogos clínicos, especialistas en rehabilitación, fisioterapeutas e persoal de enfermaría. Ditos programas de atención integral tratarán cinco aspectos esenciais: intervencións de risco, manexo de factores de risco (incluindo os psicolóxicos), promoción de estilos de vida saudables, axuste da intervención de acordo ao xénero e estado socioeconómico do paciente e avaliación das intervencións realizadas.
Ademais do manexo dos factores de risco (control ou reducción e lípidos, presión arterial, peso, diabetes, tabaquismo…) tamén se incluirá, dentro dos programas de rehabilitación cardíaca, asesoría nutricional e sobre a actividade física, intervencións psicosociais…
 
Todo elo coa fin de conseguir unha adecuada prescripción e monitorización do exercicio físico, cubrindo aspectos educativos, seguemento e motivación dos pacientes, de xeito que se logre o sostemento no tempo de hábitos de vida saudables, o axuste oportuno e adherencia ao tratamento e, así, limitar os efectos fisiolóxicos e psicolóxicos da enfermidade cardíaca, diminuir o risco de morte súbita, recaída ou reinfarto, controlar os síntomas cardíacos, estabilizar ou revertir o proceso arterioesclerótico e mellorar o estado psicosocial e orientación profesional dos pacientes.
 
Para levar a cabo os exercicios con total seguridade, a Unidade de Rehabilitación dispón dun sistema de monitorización continua, así como de seis cicloergómetros e unha cinta tapiz, entre outra tecnoloxía.
 
Na actualidade, a evidencia científica ten demostrado que este tipo de unidades e programas de rehabilitación reducen o risco dun novo infarto, reducen a severidade da anxina, reducen o uso de medicamentos, diminúen as hospitalizacións por recaídas, melloran o cumplimento terapéutico e a adherencia a hábitos de vida saudables, e, por ende, aumentan a satisfacción dos pacientes, a súa autoestima e confianza en sí mesmos.