h1

A acreditación concedida pola ENAC (Entidad Nacional de Acreditación) recoñece a calidade de todo o proceso de traballo desenvolvido polos profesionais do Laboratorio de Urxencias do Hospital de Monforte, dende a toma das mostras ata a entrega dos resultados

Foi o primeiro Laboratorio de Urxencias de ámbito comarcal que obtivo unha acreditación de calidade conforme ás esixencias da Norma ISO

Esta acreditación supón un valor engadido en canto á fiabilidade dos resultados analíticos e ao traballo desenvolvido neste servizo

Lugo, 25 de xuño de 2014.- O Laboratorio de Urxencias do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos continúa na senda da excelencia e segue a dar pasos que avalan a súa competencia técnica e a calidade de todos e cada un dos procesos que nel se levan a cabo. Así, recentemente, a Entidade Nacional de Acreditación acordou manter a acreditación, que recoñece a alta calidade do traballo realizado polos profesionais do Laboratorio do Hospital de Monforte e permite o uso da marca ENAC. O alcance da acreditación está detallado no Anexo Técnico

En febreiro de 2011, o Servizo de Análises Clínicos do Hospital de Monforte de Lemos (Laboratorio de Urxencias) obtivo a acreditación otorgada pola Entidade Nacional de Acreditación, converténdose no primeiro laboratorio dun centro hospitalario comarcal en obtela. Dita acreditación supón un recoñecemento obxectivo e unha constatación da competencia técnica de todo o equipo de profesionais que forma parte do Laboratorio de Urxencias de Análises Clínicas do Hospital de Monforte, así como da idoneidade dos procesos que empregan e dos recursos técnicos utilizados. Agora, tralas necesarias auditorías e reavaliación do proceso de traballo e da competencia técnica e de calidade, ENAC decidiu renovar a acreditación concedida en 2011.

A ENAC esixe uns amplos e estritos requisitos de calidade e competencia que deben reunir os laboratorios de análises clínicas para poder seren acreditados e avalar así a súa excelencia técnica. Polo tanto, a concesión de dita acreditación supón un valor engadido en canto á fiabilidade dos resultados analíticos, que se traduce nunha maior confianza e seguridade, tanto para o paciente como para os profesionais responsables da súa asistencia, posto que o seu traballo é clave para a obtención dun diagnóstico adecuado.

O esforzo do persoal involucrado, a súa implicación e concienciación da necesidade de ofrecer unha calidade excelente nos servizos prestados foi o que fixo posible que este importante servizo hospitalario acadara esta merecida acreditación. É, polo tanto, un recoñecemento ao seu traballo, co que buscan ofrecer a máxima calidade aos seus usuarios, optimizar as súas funcións e conseguir a maior eficacia no seu labor.

Para iso, no seu obxectivo de asegurar a máxima calidade (dende a toma de mostras ata a entrega dos resultados), así como a conformidade das súas actuacións á súa política de calidade, o Laboratorio de Análises de Urxencias​ implantou un sistema de xestión de calidade, seguindo os estritos requisitos que a norma internacional UNE-EN ISO 15189 establece para todos os laboratorios de análises clínicas. Posteriormente, foi sometido a diversas auditorías, tanto internas e como externas,  tendentes a verificar a adecuación do seu traballo á Norma.

Máis de 2.500.000 determinacións analíticas anuais

O traballo do Laboratorio de Análises Clínicas do Comarcal de Monforte é esencial para a asistencia ao paciente, dando soporte ás decisións clínicas. Polo tanto, os seus profesionais traballan de forma que satisfagan as necesidades de todos os pacientes e do persoal clínico responsable da súa asistencia sanitaria. Os seus servizos inclúen dende as peticións de análises, a preparación do paciente, a identificación, a toma de mostras, o transporte, o almacenamento, o procesado e análise das mostras, xunto coa validación, interpretación e comunicación dos resultados, nas súas diferentes áreas de traballo (inmunoloxía, seroloxía, bioquímica...).

Os seus obxectivos oriéntanse cara a conquerir as máis altas cotas de efectividade e seguridade na análise de todas as mostras que lle chegan e segundo os máis estritos parámetros de calidade.

O Laboratorio de Análises Clínicas Hospital Comarcal de Monforte conta con máis dunha vintena de profesionais. Este servizo realiza un importante labor asistencial xa que nel analízanse, cada ano, máis de de 2.500.000 determinacións analíticas. As máis numerosas son as probas de hematoloxía, seguidas das probas de bioquímica, microbioloxía e inmunoloxía…

SAÚDOS,

GABINETE DE COMUNICACIÓN​